2 jul 2007

"Ciclo de Marte"

O colapso ambiental e social, a guerra e a degradación inaudita (desde a época das estatuas á dos caníbales) do laborioso pobo escultor que habitou a illa máis solitaria do mundo, configuran o tráxico asunto da Trioloxía da illa de Páscoa, que é o fundamento de Ciclo de Marte.
O tema xeral deste ciclo é o conflicto cosmolóxico orixinado pola autoafirmación posesiva da vida, coa súa ambición, agresión e belicosidade postas ao servizo da loita contra a oposición que a refrea.
Illa de Páscoa I: Atán, mostra nun inestable apoxeo o pobo pascoense, composto por dúas nacións, os orellas longas e os orellas curtas, cuxa integración imperfecta aparece agravada pola hegemonía despótica dos primeiros e a común escasez de recursos.
En Illa de Páscoa II: Iko, os escultores, mudados en gardiáns, penosamente custodian unha orde social imposta polas armas de pedra, na que a fame vén decimando unha población abocada ao exilio polo océano incerto, á pillaxe e á desesperación.
En Illa de Páscoa III: Ororoina, presenta a miseria alucinada dos restos do antigo pobo escultor nunha terra sen árbores e nos extremos da subsistencia. Atordados polo presente inhóspito e o medo aos espectros dunha historia homicida, homes e mulleres rosean nunha cova a súa prostración reducidos a un fato de antropófagos.
Os guerreiros celestiais, comedia fantástica, é a viaxe iniciática dun xefe samurai que cos seus homes se apresta a expiar a súa contribución inconsciente ao caos do Imperio, mediante a liberación dunha princesa e a adquisición das virtudes do desprendemento e da compaixón.
Por fin, a miscelánea Asteroides, integra pequenas pezas de tons, argumentos e escenarios diversos.
A de Millán Picouto é unha obra dramática en verso, inusual no panorama das letras galegas, e incluso hispánicas, chea de forza, esplendor verbal e significación.
Edita LINTEO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.